A Escola Habanera de Guitiriz acollerá este venres, 17 de agosto, a obra de teatro ‘Divers@s’, a cargo da compañía Batega Teatro. A función, de balde, celebrarase a partir das 17:00 horas e está destinada a nenas e nenos a partir dos 4 anos. A duración aproximada da obra é de 55 minutos.
Trátase dunha proposta de narración oral teatralizada, un conto que contén moitos contos, presentando unha historia repleta de personaxes diferentes aos que lles custa atopar o seu lugar nun mundo cheo de obstáculos para quen non é como a maioría.
A través da maxia, da música e da bondade, estes personaxes descubrirán distintos camiños cara á felicidade, nunha posta en escena chea de emoción e aprendizaxe.
Esta actuación enmárcase dentro do Programa do Circuíto Teatral Profesional da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
0 Comments
Leave A Comment