O Concello de Guitiriz vén de finalizar diferentes actuacións incluídas dentro do Plan Deputación 2025. Estes traballos consistiron no acondicionamento de accesos e viais en varios puntos do municipio, contando cun orzamento total de 87.763,04 euros, financiado integramente pola Deputación de Lugo.
En concreto, realizouse o acondicionamento dos accesos a Samesode (San Salvador) e á rúa San Xosé (Parga), cun investimento de 30.832,49 euros; o acondicionamento do acceso en Os Candedos (As Negradas), cun orzamento de 13.859,29 euros; e o acondicionamento do vial de Fontecribo a Rego Pequeno e os accesos a Abeleira e San Cibrao, cun investimento de 43.071,26 euros. Estas intervencións permitiron mellorar o estado do firme e a seguridade viaria, ademais de facilitar o acceso ás distintas zonas rurais do concello.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, quixo agradecer a colaboración da Deputación de Lugo, ao tempo que subliñou a importancia deste tipo de investimentos para seguir avanzando na mellora das comunicacións e dos servizos municipais: “Estamos a traballar para que todos os veciños e veciñas, tanto do centro urbano como das parroquias, conten con infraestruturas de calidade. Estes proxectos son un paso máis para facer de Guitiriz un concello máis accesible e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.
Máis actuacións nos próximos meses
Ademais destas actuacións, xa rematadas, dentro do Plan Deputación 2025 o Concello de Guitiriz contempla novas intervencións que se executarán nos próximos meses.
Entre elas, atópase a renovación do vestiario da nave municipal situada no Parque Empresarial, unha obra que conta cun investimento de 36.101,85 euros e que xa se está levando a cabo. Por outra banda, tamén se realizará o acondicionamento da finca e da zona de lavado de camións no Parque Empresarial de Guitiriz, cun orzamento total de 93.891,68 euros (dos cales 74.653,88 euros proceden da Deputación de Lugo e 19.237,80 euros de fondos propios). Xa para rematar, traballarase no acondicionamento do vial de Embande a Revolta, na parroquia de Pígara, cun orzamento de 83.497,95 euros.
En total, estas tres próximas intervencións contarán cun investimento conxunto de 213.491,48 euros.
0 Comments
Leave A Comment