O Concello de Guitiriz chama á veciñanza a participar nunha concentración de protesta pola decisión do Sergas de deixar sen servizo médico o Consultorio de Parga durante todo o mes de decembro. A mobilización terá lugar este venres, 5 de decembro, ás 11:30 horas, diante do propio consultorio.

Esta medida chega tras a resolución do concurso de traslados de Atención Primaria, do que resultou que o municipio conte unicamente con dous médicos titulares. Ademais, e sen comunicación previa ao Concello, o Sergas decidiu que ambos profesionais permanezan durante o mes de decembro no Centro de Saúde de Guitiriz, deixando o Consultorio de Parga sen médico, con só servizo de enfermaría.

Desde o Goberno local cualifican esta situación de “inadmisible”, tendo en conta que o municipio supera os 5.000 habitantes e precisa dunha cobertura sanitaria suficiente e proporcionada. A retirada temporal do servizo médico en Parga supón unha grave redución da atención sanitaria básica, obrigando ás persoas usuarias a desprazarse ata Guitiriz para recibir asistencia, co consecuente prexuízo para unha poboación que precisa unha atención digna, próxima e de calidade.

O Concello de Guitiriz esixe ao Sergas que rectifique de inmediato e restitúa o servizo médico en Parga con urxencia, garantindo os dereitos asistenciais de toda a veciñanza.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, considera a decisión como “absolutamente inxustificable” e afirma que “esta decisión supón un grave retroceso na atención sanitaria da nosa veciñanza. Non imos permitir que Parga quede sen unha atención médica digna e de calidade”.