O Concello de Guitiriz deu a coñecer esta mañá na Escola Habanera a súa programación de Nadal, nun acto que contou coa intervención da alcaldesa, Marisol Morandeira, e dos concelleiros Pilar Vázquez e Iván Morado. A proposta inclúe unha ampla variedade de actividades culturais, tecnolóxicas e de ocio pensadas para persoas de todas as idades.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, destacou na presentación que “este Nadal queremos que Guitiriz se encha de vida, de alegría e de momentos compartidos. Preparamos unha programación pensada para que tanto as familias como a mocidade e as persoas maiores atopen actividades para gozar xuntas”.

A rexedora puxo en valor tamén o traballo de todas as entidades implicadas: “A colaboración entre o Concello, as asociacións e os centros educativos é fundamental para construír un Nadal vivo e participativo. Grazas a ese esforzo conxunto, ofrecemos unha programación variada, accesible e de calidade”.

O próximo día 15 comezarán as actividades

As actividades desenvolveranse entre o 15 de decembro e o 5 de xaneiro, con propostas culturais, tecnolóxicas e de ocio. Entre os eventos destacados figura a Feira de Nadal de Parga, que se celebrará os días 20 e 21 de decembro, así como a tradicional Cabalgata dos Reis Magos. Ademais, o acendido das luces de Nadal está previsto para o 19 de decembro.

A programación arrincará o 15 de decembro na Aula CeMIT co obradoiro ‘Crea en 3D: edición navideña’, que continuará ata o día 17 en horario de 10:30 a 12:30 horas. O 18 de decembro, o mesmo espazo acollerá o obradoiro ‘Ciberseguridade: Nadal ciberseguro’ entre as 10:15 e as 11:45 horas.

O 19 de decembro, a Escola Habanera proxectará unha selección de curtametraxes polo día máis curto do ano, coas proxeccións de ‘El principito Óscar’, ‘Gilbert’ e ‘Las piedras de Luna’ de 18:00 a 19:00 horas. Ese mesmo día realizarase o acendido das luces de Nadal no concello.

Un dos grandes eventos deste ano será a Feira de Nadal de Parga, programada os días 20 e 21 de decembro en horario de 16:00 a 21:00 horas. Está organizada pola AMPA do CEIP Santo Estevo de Parga e polo propio centro educativo e conta coa colaboración do Concello.

Xa o día 22 de decembro terá lugar o II Torneo de Videoxogos Concello de Guitiriz na Escola Habanera de 10:30 a 12:30 horas. E pola tarde, de 16:30 a 18:00 horas, a Aula CeMIT ofrecerá o obradoiro ‘Robótica en acción con Micro:bit’.

Máis actividades no Pavillón Municipal

A partir do 29 de decembro, as actividades trasladaranse ao Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz. Ese día haberá Dance Mats Interactive, inchables e obradoiros entre as 17:00 e as 20:00 horas. O 30 de decembro chegará un circuíto de coches de radio control, xunto con inchables e novos obradoiros, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. O 31 de decembro, para despedir o ano, ofreceranse toro mecánico, táboa de surf, inchables e máis obradoiros entre as 11:00 e as 14:00 horas.

Xa en 2026, o 2 de xaneiro, o público poderá desfrutar de Rokomonte, inchables e obradoiros pola mañá e pola tarde. O 3 de xaneiro, os máis pequenos contarán con xogos de feira, un posto de flocos de millo, inchables e obradoiros, tamén en horario de mañá e tarde.

A programación especial pecharase o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata dos Reis Magos, organizada polo Concello e a Asociación Cultural Xermolos. A comitiva percorrerá Parga ás 15:30 horas e Guitiriz ás 17:00 horas, e incluirá a recepción oficial aos Reis Magos de Oriente no Concello e a posterior recepción á cativada no pavillón, onde haberá música e unha chocolatada para todas as persoas asistentes.