O pasado domingo, 12 de abril, celebrouse a segunda saída do programa ‘BTTeando por Guitiriz’, unha iniciativa posta en marcha polo Concello en colaboración co Club Btteiros Cova da Serpe.
Nesta ocasión, as persoas participantes realizaron a coñecida Ruta do Pantano, cun percorrido duns 20 quilómetros pola contorna do Pantano de San Xoán e o Cordal de Montouto. A xornada estivo marcada por condicións meteorolóxicas adversas, con choiva e frío máis propios do inverno, que se converteron nas grandes protagonistas do día.
Con todo, estas circunstancias non impediron que o pelotón, formado por unha vintena de persoas, puidese gozar dunha excelente experiencia deportiva e de convivencia sobre dúas rodas.
O programa ‘BTTeando por Guitiriz’, que alcanza xa a súa oitava edición, continúa así fomentando a práctica do ciclismo de montaña e a posta en valor da riqueza paisaxística do municipio.
A próxima saída está prevista para o vindeiro 24 de maio, coa celebración da Ruta do Cordal, unha nova oportunidade para seguir descubrindo o territorio a través da bicicleta.

0 Comments
Leave A Comment