A Aula CeMIT do Concello de Guitiriz acollerá este sábado, 27 de setembro, o obradoiro ‘Scratch Day’, unha actividade formativa sobre videoxogos e programación organizada coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica de Galicia.

A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de entre 7 e 15 anos, que deberán asistir acompañados dun adulto. O obradoiro desenvolverase en horario de 9:30 a 14:00 horas.

Durante a sesión, os participantes poderán introducirse de forma práctica e divertida no mundo da programación, aprendendo a crear videoxogos coa ferramenta Scratch. Entre os contidos previstos inclúese unha introdución aos videoxogos, explicacións sobre movemento, lanzamento e interacción entre obxectos, o uso de MicroBit con Scratch e a montaxe de diferentes obxectos.

A actividade é gratuíta, pero conta con prazas limitadas, polo que é preciso realizar unha inscrición previa. As solicitudes poderán realizarse ata o venres 26 de setembro ás 14:00 horas, ben na propia Aula CeMIT ou chamando ao teléfono 982 37 00 62.

CONTIDOS

09:30 – 10: 00h: Introdución aos videoxogos con Scratch:

  • Movemento de obxectos
  • Lanzamento de obxectos (función de clonar)
  • Interacción entre obxectos
  • Variables
  • Combinación das funcións anteriores para crear un videoxogo básico

10:00 – 11:30h: videoxogo + mando MicroBit

  • Introdución ao uso de MicroBit con Scratch.

11:45- 12:15h: Montaxe 1: Semáforo

12:15 – 13:00h: Montaxe 2: Alumeado automatizado

13:00 – 13:45h: Montaxe 3: IA con Scratch

(adestrarase un modelo propio de machine learning empregando Scratch para coñecer as orixes da IA que se empregan na actualidade).