A Aula CeMIT do Concello de Guitiriz acollerá un campamento dixital para a mocidade durante os meses de verán. Trátase dunha actividade organizada en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios na que os e as asistentes aprenderán sobre competencias dixitais.

A formación é completamente de balde e está destinada á rapazada de entre 9 e 13 anos. As prazas son limitadas, polo que haberá que realizar unha inscrición previa no correo electrónico cemit.guitiriz@xunta.gal ou no teléfono 982 37 00 62. O prazo para inscribirse estará aberto ata o próximo 19 de xuño.

As persoas inscritas poderán elixir realizar este campamento dixital en dous períodos diferentes. O primeiro deles será durante o mes de xullo, entre os días 14 e 24, e o segundo será no mes de agosto, entre os días 4 e 14. Ambas opcións contarán cos mesmos horarios, de 10:30 a 13:30 horas, e coa mesma formación.

Os campamentos dixitais terán contidos e actividades adaptados para cada idade, con aventuras, misións e retos adaptados á cativada. En cada aventura, os participantes irán adquirindo novas competencias para utilizar a Internet e as ferramentas dixitais de xeito útil, creativo, seguro e responsable.

Por exemplo, aprenderán a buscar información de valor na Internet, coñecerán as ferramentas para crear contido dixital, consellos para controlar o tempo fronte ás pantallas ou a detectar e previr situacións de ciberacoso, entre outros aspectos.