A Aula CeMIT de Guitiriz acollerá un curso sobre a aplicación da intelixencia artificial no día a día o martes 26 de novembro. A actividade, titulada ‘A intelixencia artificial no día a día, está impartida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e diríxese, principalmente, a persoas maiores de 55 anos sen coñecementos previos en intelixencia artificial.
O curso celebrarase de 10:30 a 12:00 horas e conta con prazas limitadas, polo que será preciso realizar unha inscrición previa, que se pode formalizar a través do teléfono 982 37 00 62 ou no correo electrónico cemit.guitiriz@xunta.gal, onde tamén se pode solicitar máis información.
A través deste curso realizarase unha introdución a conceptos básicos da intelixencia artificial mediante exemplos prácticos e algunhas aplicacións que este tipo de tecnoloxía pode ter no día a día.
O obxectivo principal é tratar cuestións como que é a intelixencia artificial, cunha introdución ao concepto e a presentación de exemplos prácticos; como é o día a día coas tecnoloxías intelixentes, coa presentación de aplicacións cotiás que empregan esta tecnoloxía, as vantaxes do seu emprego e a súa contribución á sociedade; como é a intelixencia artificial máis próxima, coa revisión de exemplos prácticos como a predición de texto ou o tradutor instantáneo; ou cal é o futuro da intelixencia artificial, falando sobre as posibles aplicacións futuras, os principios éticos e a revisión dos avances na regulación.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
0 Comments
Leave A Comment