A Escola Habanera do Concello de Guitiriz acollerá a obra de teatro ‘A recepción’, da man da compañía El Enredo, unha compañía universitaria de teatro independente que conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela. Será o próximo venres, 11 de xullo, a partir das 20:00 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. A obra non está recomendada para menores de 13 anos.

‘A recepción’ é unha obra escrita por Andrew F. Pardo e Noemí Miguéns e dirixida por Evs García e Carlota Paredes. Ten unha duración de 70 minutos e nela nárranse as historias dos hóspedes do Hotel Emperador, un complexo no que traballan dous recepcionistas que se ven inmersos nas diferentes peripecias das persoas aloxadas, con historias diversas e varios segredos que se irán descubrindo conforme avance a obra.