A Escola Habanera do Concello de Guitiriz acollerá o vindeiro 4 de novembro unha charla formativa sobre o uso axeitado da medicación, unha actividade gratuíta dirixida á veciñanza e que será impartida por Olga Roca, enfermeira da área sanitaria de Lugo.

A formación desenvolverase en horario de 16:30 a 19:00 horas e está orientada a promover un uso responsable, seguro e informado dos medicamentos. As persoas participantes que completen a sesión recibirán un certificado oficial que acredite a súa formación.

As inscricións permanecerán abertas ata o venres 31 de outubro e deberán realizarse a través dos Servizos Sociais do Concello de Guitiriz, chamando ao número de teléfono 982 37 01 09 (ext. 1). Esta charla formativa pretende ofrecer información útil e práctica á cidadanía para fomentar hábitos saudables no consumo de medicamentos e previr o uso inadecuado dos mesmos.

O programa da actividade abordará cuestións como saber que son os medicamentos e como actúan, as contraindicacións, interaccións e efectos secundarios, o papel dos medicamentos xenéricos, a automedicación, o uso e abuso dos antibióticos ou a diferenza entre virus e bacterias. Tamén se tratarán aspectos relacionados cos tipos de medicamentos e a súa preparación, a súa correcta conservación, o uso responsable na terceira idade e a reciclaxe de medicamentos a través dos puntos SIGRE.