O Concello de Guitiriz presentou hoxe, mércores 9 de xullo, a programación completa da XXX Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga, que terá lugar o domingo 20 de xullo. O evento; organizado polo Concello e a Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga, coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santo Estevo de Parga; cumpre trinta anos consolidado como unha das citas máis emblemáticas do municipio.

No acto, celebrado na Escola Habanera, participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; a concelleira de Promoción e Dinamización Económica, Pilar Vázquez; e o secretario da Asociación de Veciños da Feira de Parga, Carlos Pereira.

A rexedora salientou que “elaborouse un programa moi completo para conmemorar o 30 aniversario” e explicou que “o obxectivo é manter á xente en Parga todo o día”. Tamén fixo referencia á importancia do certame de cantería e indicou que “xa hai 12 canteiros e canteiras anotados”.

Pola súa parte Carlos Pereira animou “á xente a que se achegue a Parga o próximo domingo, cantos máis nos xuntemos mellor” e destacou a importancia das “festas e das feiras que se fan en Parga ao longo do ano, das mellores da provincia”.

Programación completa

A programación comezará ás 8:30 horas coa apertura do XXVII Certame de Cantería. Ata o 15 de xullo estarán abertas as inscricións para poder participar, coas bases e a ficha de inscrición dispoñibles na páxina web do Concello.

Ás 10 horas terá lugar a apertura da Mostra de Artesanía e exposición e venda de galiñas autóctonas de Galicia.

Ás 11 horas comezarán as actuacións musicais, a cargo dos grupos municipais da banda de música, o grupo de gaitas e a agrupación Na Casa Zoqueiro.

De 11 a 13:30 horas e de 16 a 18 horas celebrarase o campionato galego de Andadura federada 2025, proba puntuable para o Campionato Galego de Andadura. O certame desenvolverase en seis categorías: Cabalos novos, Sub-16, menos de 150 serrada, menos de 150 chapeada, máis de 150 serrada e máis de 150 chapeada. Nas catro últimas categorías repartirase un total de 1.800 euros en premios.

Ás 13:30 horas pecharase o Certame de Cantería e terá lugar o pregón, que correrá a cargo de Manuel Vizcaino Díaz, que foi mestre e director do colexio Santo Estevo de Parga.

O fallo do xurado e a entrega de premios terá lugar ás 14:00 horas e, a partir de media mañá, comezará a venda das racións de callos e tamén haberá polbo e churrasco, nun dos xantares máis agardados do ano na comarca.

Pola tarde, desde as 17 horas, haberá un obradoiro, dirixidos aos máis pequenos, para crear personaxes en 3D con pasta de papel e, como colofón, o grupo musical A Banda da Balbina pechará, a partir das 19 horas, a festa.

XXVII Certame de Cantería

A organización poñerá a disposición dos participantes as pezas de granito silvestre, pero os canteiros terán que ir provistos das ferramentas manuais que consideren axeitadas. O tema das obras é libre. Os participantes terán desde as 9:00 ata as 14:00 horas para realizar as súas obras.

En total, repartiranse 1.500 euros en premios, con 750 euros para o primeiro clasificado, 500 euros para o segundo e 250 para o terceiro. As obras que resulten premiadas pasarán a ser propiedade da organización.

A participación no concurso está limitada a 15 persoas e as inscricións serán admitidas por rigoroso orde de inscrición. As inscricións poderanse formalizar a través da Sede Electrónica, de xeito presencial no rexistro do Concello ou a través do correo electrónico turismo@concellodeguitiriz.com.

A finalidade deste certame é promocionar o oficio de canteiro así como a pedra, que é un dos recursos turísticos máis importantes do Concello de Guitiriz.