Serán preto de 130 persoas as que participarán este domingo, 1 de setembro, na KDD X Aniversario Btteiros Cova da Serpe, unha proba organizada conxuntamente polo Concello de Guitiriz e o Club Btteiros Cova da Serpe.
O acto de presentación do evento tivo lugar hoxe, mércores 28 de agosto, no recinto do Iberik Gran Balneario de Guitiriz e participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o concelleiro de Deportes, Iván Morado, e o presidente do club, Alberto Fonte, e o tesoureiro, Iván Amenedo.
A proba, que se organiza dentro dos actos de celebración do décimo aniversario do club, comezará ás 9:30 horas e contará con dúas distancias para adaptarse aos diferentes niveis: unha curta de 29 kilómetros e outra longa de 41 kilómetros. As persoas participantes, chegadas de diferentes puntos de Galicia, desfrutarán dos sendeiros e pistas que transcorren polos montes de Guitiriz.
Ao remate, os participantes terán unha comida de confraternización. Ademais, a proba conta con avituallamento ao longo do percorrido, lavado de bicicletas no Campo da Feira e duchas no pavillón municipal Jonathan Carro Paz.
0 Comments
Leave A Comment