A maxia do Entroido encheu, durante a xornada de hoxe, martes 4 de marzo, as rúas de Guitiriz. O acto principal da festa, organizada polo Concello coa colaboración da Asociación Xermolos, foi o desfile que saíu desde a Escola Habanera e chegou ata o pavillón municipal Jonathan Carro Paz.
No pavillón, ademais da festa, entregáronse os diferentes galardóns. A principal novidade deste ano foi a creación do ‘Premio especial Concello de Guitiriz’ de disfraces, no que se repartiron un total de 1.000 euros. O premio á mellor comparsa (500 euros) foi ex aequo para ‘Dando As Notas’ e ‘Refugallo Fashion Week’; á mellor parella (300 euros) foi para ‘El viejo Oeste’ e á mellor máscara individual quedou deserto.
Un xurado formado por tres persoas de diferentes ámbitos propostas pola Concellería de Cultura foi o encargado de realizar as votacións, nas que se tivo en conta a confección dos traxes e a complexidade, penalizando os disfraces mercados; a complexidade da maquillaxe, das máscaras e doutros elementos decorativos; a orixinalidade e creatividade dos disfraces e a posta en escena, cun tempo máximo de catro minutos por actuación. No caso das comparsas, tamén se valorou o número de participantes e a súa composición interxeracional.
Máis premios da man de Xermolos
Por outra banda, a Asociación Xermolos tamén fixo unha entrega de premios en paralelo. No caso das comparsas (200 euros e unha cesta de produtos típicos) a mellor foi para ‘Refugallos Fashion week’; a máis orixinal para ‘Eólicos anónimos’; a de mellor música para ‘Dando a nota’; a de máis humor para ‘Os picapedra’; e a de máis traballo foi para ‘A voar’.
Na categoría individual e por parellas o primeiro premio (50 euros) foi para ‘Capón’ (individual) e ‘Frida Kahlaó’ (parellas); o segundo premio (20 euros) foi para ‘Ratatouille’ (individual) e ‘As bailarinas de Kiko Rivera’ (parellas); e o terceiro premio (15 euros) para ‘Diva’ (individual) e ‘Pipi e o seu cabalo’ (parellas).Tamén se deron diversos agasallos ás máscaras infantís.
Ademais, este ano tamén se celebrou o tradicional reto dos mecos de entroido, que se compartiron a través das redes sociais xunto ao cancelo #mecoxermolos25. O mellor meco, que se decidiu durante o propio desfile de Entroido, foi indultado, salvándose da queima.
0 Comments
Leave A Comment