O pasado domingo, 21 de decembro, celebrouse a última saída da sétima edición do programa ‘Guitiriz en Ruta’, posto en marcha polas Escolas Deportivas Municipais do Concello de Guitiriz.

Nesta ocasión realizouse a Ruta do Monte dos Vilares, un percorrido que inicialmente estaba previsto cun total de 15 quilómetros, pero que tivo que ser acurtado debido ás condicións meteorolóxicas, xa que comezou a nevar a metade do traxecto.

A saída tivo lugar no pantano de San Xoán, no monte de Lagostelle, punto no que tamén se estableceu a chegada, ao tratarse dunha ruta circular que discorre entre os montes de Lagostelle e dos Vilares, lindantes entre si.

No itinerario participaron un total de 19 persoas, entre elas catro nenos, que conseguiron completar o percorrido a pesar da neve, a cal deixou unha paisaxe espectacular nos montes da contorna.

Ao tratarse da última ruta do ano, ao remate da actividade celebrouse un pequeno acto de confraternidade con pinchos no restaurante O Korreo, como clausura da edición, xentileza do Concello de Guitiriz.