O próximo domingo, 18 de decembro, dará comezo a quinta edición do programa municipal de sendeirismo ‘Guitiriz en Ruta’, que nesta ocasión consta de seis andainas e rematará o 14 de maio de 2023.
A ruta do pantano de San Xoán, con saída ás 10 horas da praza do Campo da Feira de Guitiriz, será a primeira saída da programación, que inclúe unha ruta por mes das que catro son polo municipio, que son gratuítas, e as outras dúas noutros concellos, que teñen un custe de 5 euros.
As inscricións realizaranse de xeito presencial na casa do concello ou por teléfono no 982 370 109 ata as 14 horas do venres anterior á ruta de sendeirismo programada.
Todas as saídas están abertas ao público en xeral que teña unhas condicións físicas mínimas para poder camiñar varios quilómetros. Completan a programación: a ruta do Muíño da Ruxida (domingo 29 de xaneiro), a ruta do río Trimaz en Xermade (domingo 26 de febreiro), a ruta do río Requeixo (domingo 26 de marzo), a ruta do Miño en Ombreiro-Lugo (domingo 30 de abril), e a ruta da Cova da Serpe (domingo 14 de maio).
0 Comments
Leave A Comment