A volta do programa ‘Guitiriz en Ruta’ reuniu o pasado domingo, 27 de outubro, a 17 participantes na andaina ‘Camiñando entre provincias’. Constou dun percorrido circular de 13,5 quilómetros polo monte de Santa Mariña entre as provincias de Lugo e A Coruña.
A saída realizouse desde a igrexa de Santa Mariña ás 10:00 horas, mesmo punto onde finalizou a andaina. Os participantes gozaron dun percorrido que atravesou os concellos de Guitiriz, Curtis e Aranga.
Ao inicio da ruta visitaron a igrexa de Santa Mariña e os seus arredores, parando tamén no monólito en homenaxe aos irmáns da Lexía. Ademais, o cura da parroquia, Alfonso Blanco Torrado, recibiu aos sendeiristas e faloulles sobre a parroquia, contando a historia da fosa común que se escavou nese lugar e tamén a historia dos irmáns da Lexía.
A andaina descorreu con total normalidade durante a asollada mañá de domingo, na que os participantes gozaron dunha climatoloxía moi agradable.
0 Comments
Leave A Comment