O Concello de Guitiriz abre o prazo para enviar as solicitudes para participar durante o curso escolar 2022-2023 en ‘Guitiriz Concilia’, o servizo de conciliación municipal da vida laboral e familiar dirixido a crianzas de 3 a 12 anos de idade (nados entre 2010 e 2019).

Esta actividade levarase a cabo no CEIP Lagostelle e hai a opción de ‘Guitiriz Madrugador’ de 8 a 9:30 horas para atender aos nenos e nenas antes da entrada na escola e ‘Guitiriz Tardes’ de 16 a 19 horas para o horario posterior ao colexio. Nos meses de xuño e setembro polas tardes comezará ás 15:15 horas.

Estableceuse unha taxa para todo o curso, que varía segundo a modalidade que se escolla. No caso de ‘Guitiriz Madrugador’ se se anotan 3 días ou máis por semana terá un custe total de 75 euros, 1 ou 2 días por semana serán 50 euros e un máximo de 3 días ao mes será de 20 euros. Para o ‘Guitiriz Tardes’, máis de 3 días por semana suporá un total de 100 euros, 1 ou 2 días por semana 75 euros e un máximo de 3 veces ao mes 35 euros.

As crianzas poderán participar nas propostas de actividades que se levan a cabo, xogar nos diferentes recunchos que se ofrecen ou realizar as súas tarefas e estudar se así o desexan. Favoreceranse actividades e propostas relacionadas co xogo grupal e non competitivo, relacionadas coa igualdade e o respecto pola natureza.

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 25 de agosto. As familias interesadas poden presentar a documentación requirida a través da sede electrónica municipal ou de xeito presencial no Concello.

SOLICITUDE MATRÍCULA

CÁLCULO PAGO