Ábrese o prazo para inscribirse nos obradoiros Girl STEAM 2024 do Concello de Guitiriz, cos que se busca fomentar un uso creativo e crítico da tecnoloxía. Coa actividade, con inscrición de balde, preténdese espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a rapazada de entre 8 e 15 anos a través de obradoiros prácticos impartidos nas Aulas CeMIT de Galicia nun total de 14 concellos. Esta iniciativa está organizada co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), a Rede CeMIT e o GaiásTech.
Co obxectivo de ofrecer contidos plenamente adaptados aos distintos grupos de idade participantes no Girl STEAM 2024, a organización do evento deseñou dúas franxas, unha primeira para a rapazada de entre 8 e 11 anos, o día 4 de setembro, e unha segunda para o grupo de entre 12 e 15 anos, o día 5 de setembro. Ambas quendas teñen un horario de 10 a 14 horas e un máximo de 10 participantes en cada unha.
As inscricións, que non teñen ningún custo, pódense realizar na propia aula CeMIT de Guitiriz en horario de 9 a 14 horas do 8 ao 30 de agosto. Faranse por orden de chegada.
Búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica
Nos obradoiros achegarase ao alumnado ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenderán a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuarase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclados, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Unha iniciativa coa que se busca impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
Para máis información chamar ao teléfono 982 370 062 ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.guitiriz@xunta.gal. Responsable da aula CeMIT de Guitiriz: Ana María Pérez Martínez.
0 Comments
Leave A Comment