Na última analítica da auga recibida polo laboratorio contratado polo Concello de Guitiriz detectouse un alto nivel de ferro, polo que o goberno local recomenda aos veciños e veciñas de Guitiriz non consumir a auga da traída ata que a situación se solvente. Debido aos recorrentes problemas que sofre a auga en Guitiriz, o Concello realiza un control exhaustivo da auga para coñecer periodicamente o seu estado. Grazas a este seguimento continuo púidose detectar esta incidencia ao instante. O resto de parámetros son totalmente correctos, polo que a auga está cualificada como potable pero unha continua inxesta de ferro pode chegar a provocar problemas de saúde, por iso é polo que se desaconsella o consumo ata que os niveis de ferro volvan á normalidade.
O goberno local vén traballando continuamente para liquidar esta recorrente problemática que afecta a auga de Guitiriz e, nese sentido, xa se sacou a contratación un proxecto para desviar o subministro de auga e que non pase polo encoro, facendo uso dunha antiga rede de circunvalación. Ademais, onte mesmo, a alcaldesa, Marisol Morandeira, e outros membros do goberno local, estiveron a buscar posibles novas captacións da auga para evitar depender da do pantano. Doutra banda, se se prolonga no tempo esta situación, o Concello estudará bonificacións económicas na factura da auga para os afectados e afectadas para compensar o tempo que non poidan facer un uso normal do servizo.
Marisol Morandeira explicou que “o episodio detectouse a tempo e estamos a traballar para que todo volva á normalidade canto antes”, pediu desculpas aos veciños e veciñas de Guitiriz polas “molestias que ocasionan estas incidencias na vida diaria” e amosou o seu compromiso de traballar “sen descanso para que este recorrente problema se resolva dunha vez por todas”.
0 Comments
Leave A Comment