Chega o outono e, con el, a cuarta edición da actividade ‘Receitas de outono con poesía’, organizada polo Concello de Guitiriz a través da Biblioteca Pública Municipal ‘Casa Habanera’ xunto co servizo de Educación Familiar.
O obxectivo desta iniciativa é que cada persoa participante saque o cociñeiro, cociñeira, escritor ou escritora que leva dentro, poñendo en valor os produtos de outono á vez que se dinamiza a lectura e a escritura.
As persoas que desexen participar deben: elaborar unha receita con algún produto de outono (castaña, noces, cogomelos , cabazas, uvas…), sacarlle unha foto e pensar un nome para ela e, por último, redactar un poema orixinal coas seguintes condicións: a temática do poema é o outono, a extensión será de mínimo 4 versos (1 estrofa) e máximo 16 versos (4 estrofas).
A foto e o poema deben enviarse ao correo biblioteca@concellodeguitiriz.com, incluíndo sempre o nome da receita. O prazo para participar está aberto desde o 13 de outubro ao 17 de novembro.
A actividade divídese por categorías: infantil (de 3 a 12 anos) e xuvenil/adulto (de 13 a 105 anos). Admítense dúas receitas/poemas por cada participante. Un xurado escollerá a receita/poema máis creativa, valorando a conexión entre as dúas.
Rematado o prazo publicarase nas redes sociais do Concello de Guitiriz a receita/poema gañadora, así como as receitas/poemas participantes. A receita/poema gañadora en cada categoría recibirá un agasallo, que será entregado na B.P.M. “Casa Habanera”.
0 Comments
Leave A Comment