O Concello de Guitiriz pechou o prazo de inscrición para participar nalgunha das propostas que incorporan as Escolas Deportivas Municipais para o curso 2024/2025 con preto de 600 persoas inscritas.

A oferta deportiva inclúe: fútbol sala, ximnasia rítmica, patinaxe, tenis de mesa, ximnasia para adultos, actividades aeróbicas (aerobic, zumba, step), zumba infantil, atletismo e campo a través, pádel, tiro con arco, pilates e ioga. Ademais, a través do convenio establecido co centro D10 de Outeiro de Rei, ofreceuse a posibilidade de practicar natación e tenis.

O concelleiro de Deportes, Iván Morado, destaca que “é a cifra máis alta acadada dende que están en funcionamento as escolas” e agradeceu “aos clubs, que sempre están dispostos a colaborar, porque sen eles todo isto non será posible”. “A nosa prioridade é seguir impulsándoas, adaptándonos ás demandas da veciñanza como fixemos nos últimos anos”, afirma.