Decenas de persoas participaron esta mañá na concentración convocada polo Concello de Guitiriz diante do Consultorio de Parga para protestar pola decisión do Sergas de manter estas instalacións sen servizo médico durante todo o mes de decembro, así como pola redución no número de facultativos destinados ao municipio.

O equipo de goberno municipal, encabezado pola alcaldesa Marisol Morandeira, xunto co resto de forzas políticas da corporación, participou nesta mobilización, que se celebrou ás 11:30 horas e reuniu a veciños e veciñas de todo Guitiriz. A participación cidadá evidenciou o amplo rexeitamento social ás medidas adoptadas tras a recente resolución do concurso de traslados de Atención Primaria.

Como consecuencia deste proceso, e sen comunicación previa ao Concello, Guitiriz contará unicamente con dous médicos titulares, que ademais prestarán servizo exclusivamente no centro de saúde de Guitiriz durante o mes de decembro. Isto deixará ao Consultorio de Parga sen atención médica e cun servizo limitado só a enfermaría durante todo o mes.

Desde o Goberno local cualifican esta situación como “inadmisible”, lembrando que o municipio supera os 5.000 habitantes e precisa dunha cobertura sanitaria axeitada. A ausencia temporal de médico en Parga supón unha redución notable da atención básica e obriga ás persoas usuarias a desprazarse ata Guitiriz, unha dificultade engadida para unha poboación que precisa unha atención próxima, digna e de calidade.

O Concello de Guitiriz reclama ao Sergas que rectifique de inmediato e restitúa o servizo médico en Parga, garantindo os dereitos asistenciais de toda a veciñanza.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, agradeceu a ampla resposta cidadá, destacando que “demostra que este servizo é esencial”. A rexedora engadiu que “estamos ante un recorte que afecta directamente ao benestar da nosa xente, polo que esiximos unha solución inmediata, porque Parga non pode quedar desatendida”.