O pavillón municipal ‘Jonathan Carro Paz’ vivirá este domingo, 1 de maio, unha xornada de deporte en familia coas finais provinciais de fútbol sala do programa Xogade da Xunta de Galicia en categoría alevín e benxamín.
A presentación deste evento, que reunirá a 120 participantes, tivo lugar hoxe na Casa Habanera e correu a cargo da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o xefe provincial do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero; e o coordinador da agrupación deportiva Terra Chá.
En categoría alevín participa a Escola Deportiva de Guitiriz, a ACD Xove, o Santiago de Foz e a ED A Pastoriza. A fase final benxamín está conformada polas ED Outeiro de Rei, Santiago de Foz, Fonsagrada e Burela FS.
As semifinais darán comezo ás 10 horas e estenderanse durante toda a mañá. Ao mediodía, ás 14:15 horas, haberá un parón para xantar cortesía do Concello de Guitiriz e xa pola tarde, desde as 16:30 hroas, disputaranse as finais e o terceiro e o cuarto posto de ambas categorías.
Marisol Morandeira amosouse “encantada de que Guitiriz acolla estas finais” e animou a “pais, nais, avós, familiares, amigos e amigas dos e das participantes a que veñan e desfruten do noso patrimonio e do que ofrece á nosa hostalería”. En canto á situación sanitaria, apelou á “responsabilidade individual na medida das posibilidades de cada un para que todo vaia ben”.
Pola súa banda, Manuel Otero agradeceu “á alcaldesa e ao Concello de Guitiriz a súa colaboración” e destacou “a forte aposta lúdico deportiva que aquí se desenvolve durante todo o ano”. Animou aos deportistas a que “veñan a desfrutar do deporte, que demostren que saben gañar pero, sobre todo, que saben perder”.
Por último, Juan Somoza salientou que “a comarca da Terra Chá mete 4 equipos de 12 que conforman estas finais, despois de 14 xornadas nunha liga moi competitiva como é a desta zona”.
Calendario e horarios
Semifinais
10:00. ED A Pastoriza – Santiago de Foz. ALEVÍN.
11:00. Burela FS – Santiago de Foz. BENXAMÍN.
12:00. ED Guitiriz – ACD Xove. ALEVÍN.
13:00. Fonsagrada – ED Outeiro de Rei. BENXAMÍN.
14:15…..Xantar
Finais
16:30. 3º – 4º. ALEVÍN.
17:30. 3º – 4º. BENXAMÍN.
18:30. FINAL ALEVÍN.
19:30. FINAL BENXAMÍN.
0 Comments
Leave A Comment