O programa de sendeirismo ‘Guitiriz en Ruta’, organizado polas Escolas Deportivas Municipais de Guitiriz coa colaboración do Concello, celebrará este domingo 31 de maio a cuarta saída da súa oitava edición. Nesta ocasión, as persoas participantes percorrerán a etapa 4 do Camiño dos Faros, entre Laxe e Arou.

A saída cara a ruta terá lugar ás 9:00 horas desde a Praza do Campo da Feira de Guitiriz, mesmo punto ao que está previsto regresar arredor das 19:30 horas.

A ruta contará cun percorrido de 17 quilómetros por sendeiros de costa, con pequenos tramos que presentan certa dificultade técnica. Comeza desde Laxe e trátase dunha ruta lineal considerada a etapa máis curta e accesible do Camiño dos Faros, aínda que inclúe dúas subidas destacadas e algúns puntos que requiren maior atención durante o percorrido.

Desde a organización recoméndase ás persoas asistentes levar comida para xantar durante a camiñada, así como auga, protección solar, gorra ou sombreiro, calzado cómodo e axeitado para sendeirismo e, no caso de dispoñer deles, bastóns de sendeirismo.

As inscricións permanecerán abertas ata o venres 29 de maio ás 14:00 horas e poderán formalizarse de maneira presencial na Casa do Concello ou chamando ao teléfono 982 37 01 09.

A actividade está aberta ao público en xeral, aínda que as persoas menores de idade deberán asistir acompañadas por unha persoa adulta. Ao tratarse dunha saída fóra do concello, o prezo da inscrición será de 5 euros para persoas empadroadas e de 10 euros para non empadroadas. Os menores de 14 anos poderán participar de forma gratuíta.