O vindeiro sábado, 11 de xullo, Guitiriz converterase de novo nun punto de encontro para a música de banda coa celebración do Festival de Bandas de Guitiriz 2026, unha cita que reunirá a tres destacadas formacións musicais da provincia.

O concerto terá lugar na igrexa de Guitiriz a partir das 20:30 horas e contará coa participación da Banda de Música de Guitiriz, da Banda de Música de Meira e da Banda de Música de O Valadouro, que ofrecerán ao público un variado repertorio.

A entrada será totalmente libre e gratuíta, co obxectivo de achegar esta proposta cultural a toda a veciñanza e ás persoas que desexen gozar dunha tarde de música en directo.

O festival constitúe unha oportunidade para favorecer o encontro entre bandas de música, promover o intercambio cultural entre agrupacións e poñer en valor o importante labor formativo, artístico e social que desenvolven estas entidades nos seus respectivos concellos.

O certame corre a cargo do Concello de Guitiriz, da Escola de Música Municipal de Guitiriz, da Asociación de Apoio para a Banda Municipal de Música de Guitiriz e do programa Tradigalu, impulsado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.