A aula CeMIT de Guitiriz celebrará o vindeiro 27 de novembro de 2026, de 10:15 a 12:15 horas, o obradoiro ‘Prepárate para un Nadal ciberseguro’, unha iniciativa que ten como obxectivo reforzar os coñecementos da cidadanía en materia de seguridade dixital, especialmente nunha época do ano na que aumentan as compras e as transaccións a través de Internet.

A chegada do Nadal é un período marcado polas celebracións, os agasallos e as compras en liña, pero tamén polo incremento das estafas e dos riscos na rede. Ante esta realidade, o obradoiro achegará ás persoas participantes recomendacións e ferramentas prácticas para mercar con seguridade, identificar ofertas e páxinas web fraudulentas e recoñecer as estafas máis habituais destas datas.

Ademais, a actividade abordará os posibles riscos asociados aos xoguetes conectados e aos dispositivos intelixentes, ofrecendo información para facer un uso máis responsable e seguro destas tecnoloxías.

Con esta iniciativa, a aula CeMIT de Guitiriz busca fomentar hábitos dixitais seguros e proporcionar á cidadanía os coñecementos necesarios para navegar, mercar e utilizar a tecnoloxía con maior confianza, tranquilidade e protección.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono 982 37 00 62 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.guitiriz@xunta.gal.