O Concello de Guitiriz anunciou a incorporación dunha nova modalidade deportiva ás Escolas Deportivas Municipais para o curso 2026/2027: o baloncesto, unha iniciativa que será posible grazas ao programa ‘Máis Basket no Rural’ impulsado pola Fundación Breogán.
Esta colaboración permitirá que as nenas e nenos participantes nas Escolas Deportivas Municipais conten con adestramentos semanais impartidos por técnicos da Fundación Breogán, así como con actividades formativas e experiencias vinculadas ao Club Baloncesto Breogán, achegando deste xeito o baloncesto ao ámbito rural e fomentando a práctica deportiva desde idades temperás.
Con esta incorporación, o Concello suma unha nova actividade a un programa de Escolas Deportivas Municipais xa moi amplo e consolidado, que cada ano conta cunha elevada participación.
O concelleiro de Deportes, Iván Morado, destacou o valor desta nova proposta dentro da planificación deportiva municipal, sinalando que “a incorporación do baloncesto reforza o noso compromiso cunha oferta deportiva ampla, accesible e de calidade, que chegue a todo o municipio e permita que a rapazada poida iniciarse en diferentes disciplinas sen saír do seu concello”.
Proximamente, cando se presente de maneira completa a oferta das Escolas Deportivas Municipais para o curso 2026/2027, facilitarase información detallada sobre a actividade.
