O Concello de Guitiriz anuncia a última novidade da programación da IX Festa da Torta de Millo, que se celebrará este domingo, 7 de xuño. Nesta ocasión, a cita gastronómica incorporará un novo evento que contará coa participación do chef guitiricense Antón Castro, responsable do restaurante Casa Gaibor.
O cociñeiro ofrecerá un showcooking en directo centrado na Torta de Millo de Guitiriz, no que os asistentes poderán coñecer diferentes posibilidades culinarias deste produto tradicional e emblemático do municipio. A actividade desenvolverase na praza do Campo da Feira entre as 12:00 e as 12:30 horas.
Antón Castro vén de ser recoñecido como Cociñeiro Galego do 2026 e foi seleccionado entre os 100 Novos Talentos da Gastronomía polo prestixioso Basque Culinary Center, converténdose nun dos nomes emerxentes máis destacados da cociña galega. A súa participación permitirá achegar ao público unha proposta innovadora arredor da Torta de Millo.
Con esta incorporación, a IX Festa da Torta de Millo completa unha programación na que a protagonista indiscutible será o tradicional doce, pero na que tamén haberá espazo para a música, a artesanía, os obradoiros e os xogos tradicionais.
Desde primeira hora da mañá levarase a cabo a venda e degustación da Torta de Millo de Guitiriz, a cargo de Panadería David e Panadería La Esquina. Ao longo de toda a xornada sucederanse ademais diversas actuacións musicais coas actuacións de Sheila Patricia, Caamaño & Ameixeiras, Airiños de Orbazai e a Escola de Música do Concello de Guitiriz.
