Con motivo da celebración do Día Mundial da Poesía, que se conmemora cada 21 de marzo, a Biblioteca Municipal de Guitiriz convida a todas as persoas a participar nunha actividade creativa aberta ao público. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a creatividade literaria e o gusto pola poesía mediante a creación dunha estrofa orixinal.

A participación está aberta a calquera persoa que o desexe, sen ningún límite de idade. A mecánica para sumarse a esta celebración é a seguinte:cada persoa participante deberá presentar unha estrofa dun poema orixinal e de temática libre; a estrofa deberá estar escrita pola propia persoa que a presenta; e admitirase unha única participación por persoa.

A estrofa deberá entregarse por escrito directamente na Biblioteca, dende o luns 23 ata o 31 de marzo. Os participantes poderán indicar, se así o desexan, o seu nome para identificar a autoría da obra.

Ademais, o persoal da Biblioteca poderá expoñer as estrofas recibidas nun espazo habilitado para iso nas propias instalacións, dándolle visibilidade ao talento local. Como incentivo e agradecemento, tódalas persoas participantes recibirán un libro de agasallo ata fin de existencias.