O Concello de Guitiriz únese á celebración do Día das Letras Galegas, que este ano 2026 rende homenaxe á figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño, organizando varias actividades culturais co obxectivo de poñer en valor a nosa lingua e achegar a obra da autora á veciñanza. Todas as propostas terán como escenario principal a Escola Habanera.
A programación municipal centrarase en dúas grandes propostas pensadas para a participación e o gozo de todos os públicos.
O vindeiro domingo, 24 de maio, ás 19:00 horas, a Escola Habanera acollerá a representación da obra de teatro “As mil e unha”. Esta actividade enmárcase dentro do programa de dinamización lingüística Fala Redes, impulsado para fomentar o uso do galego dun xeito lúdico e accesible, e ofrecerá unha tarde de lecer e cultura para os asistentes.

De xeito paralelo, a mesma Escola Habanera alberga durante estas semanas unha exposición especial sobre Begoña Caamaño. A mostra, que se poderá visitar ata finais de mes, fai un percorrido pola traxectoria vital e literaria da autora homenaxeada este ano. Para facer esta experiencia aínda máis participativa e dinámica, a exposición compleméntase cun xogo de ‘Pasapalabra’ centrado na figura da escritora, onde os veciños e veciñas poderán poñer a proba os seus coñecementos e aprender máis sobre a súa achega ás nosas letras.

0 Comments
Leave A Comment