O Concello de Guitiriz contará este verán cunha ampla e variada programación de actividades pensadas para a cativada de todas as idades, co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer, conciliación e diversión durante os meses estivais.
A Piscina Municipal abrirá as súas portas do 29 de xuño ao 6 de setembro, converténdose un ano máis nun dos principais puntos de encontro para veciñanza e visitantes.
No ámbito da conciliación familiar, o programa Concilia Vacacións desenvolverase, como todos os anos, en diferentes quendas entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, facilitando ás familias recursos para compatibilizar a vida laboral e familiar durante o período vacacional.
Ademais, do 6 ao 10 de xullo celebrarase o tradicional Campamento de Verán, outra das propostas lúdicas e educativas destinadas á rapazada habituais por estas datas.
Este ano haberá varias festas como principal novidade entre as actividades máis destacadas, como é o caso da Festa Acuática na Piscina Municipal, prevista para o 17 de xullo, que contará con inchables acuáticos e diversas propostas de ocio.
Xa no mes de agosto, do 21 ao 24, o CIT de Parga acollerá a Festa de Verán, con actividades como deslizadores acuáticos, festa da espuma e outras sorpresas para todos os públicos.
Como peche da programación estival, o 12 de setembro celebrarase a Festa de Fin de Verán na Praza do Campo da Feira de Guitiriz, cunha xornada chea de inchables, xogos e diversión para despedir o verán.

0 Comments
Leave A Comment