O deporte continúa gañando protagonismo en Guitiriz grazas á aposta do Concello por ofrecer unha programación ampla, accesible e adaptada ás necesidades da veciñanza. As actividades deportivas municipais contan este curso con 512 participantes nas distintas modalidades, unha cifra que confirma a boa acollida dunha iniciativa que require un importante traballo de organización e coordinación por parte da administración local.

As Escolas Deportivas Municipais ofrecen alternativas para todas as idades, desde fútbol sala, baloncesto, patinaxe e ximnasia rítmica ata pádel, tenis de mesa, ioga, pilates, ximnasia para adultos, aeróbic e zumba infantil.

“Detrás desta programación hai un importante esforzo do Concello para ofrecer actividades variadas e procurar que o maior número posible de veciños e veciñas teñan acceso á práctica deportiva”, sinala o concelleiro de Deportes, Iván Morado, quen engade que “non se trata unicamente de organizar clases, senón de crear oportunidades para practicar deporte, favorecer a convivencia e incorporar hábitos saudables á vida diaria”.

Entre as actividades máis demandadas destaca o pilates, con 119 participantes repartidos en nove grupos. Séguelle o fútbol sala, con 85 inscritos nas categorías de biberón, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil, e a ximnasia para adultos, que reúne 69 persoas en catro grupos.

A oferta deportiva complétase con disciplinas como o ioga, a ximnasia rítmica, o pádel, a patinaxe, o tenis de mesa, o baloncesto, as actividades aeróbicas para adultos e a zumba infantil. Tamén cómpre destacar a boa acollida que están a ter o atletismo e o tiro con arco, dúas modalidades que, en colaboración cos clubs locais, permiten dar cobertura a preto de 50 nenos e nenas e ampliar así as posibilidades de práctica deportiva no municipio.

A distribución das actividades entre Guitiriz e Parga é unha das apostas da organización municipal, que busca achegar o deporte aos distintos puntos do concello e facilitar a participación. “Traballamos para que a oferta non se concentre nun único lugar e para que os horarios e os grupos se adapten, na medida do posible, á realidade das persoas inscritas”, apunta Morado.

Listas de agarda e novas prazas

A demanda tamén se reflicte nas listas de agarda, que suman actualmente 44 persoas. Esta cifra mantense malia o esforzo realizado polo Concello para ampliar a oferta deportiva neste curso, coa incorporación de catro novos grupos: dous de pilates, un en Parga e outro en Guitiriz, e dous de ximnasia para adultos. Unha ampliación que permitiu ofrecer máis prazas, pero que evidencia que o interese da veciñanza continúa a ser moi elevado.

Á oferta das EDM súmase tamén a actividade de piscina na Piscina do Club Fluvial, en Outeiro de Rei. Aínda que non forma parte propiamente das Escolas Deportivas Municipais, o Concello encárgase de tramitar as inscricións e, grazas ao convenio de colaboración entre o Concello e o Club Fluvial, os veciños e veciñas de Guitiriz benefícianse dun desconto nesta actividade, facilitando así o acceso a esta alternativa deportiva.

As actividades teñen un custo de 15 euros mensuais por modalidade e unha matrícula de 10 euros, con descontos para as persoas que participan en varias disciplinas, as familias numerosas e as familias con menos recursos.

“As escolas deportivas son unha aposta polo benestar e pola igualdade de oportunidades. Desde o Concello queremos seguir mantendo unha programación de calidade, atender a demanda existente e mellorar a oferta sempre que sexa posible”, conclúe o concelleiro.