O Concello de Guitiriz abrirá o próximo luns, 3 de novembro, o prazo de inscrición para participar nunha viaxe á localidade portuguesa de Águeda, organizada para visitar as súas recoñecidas luces de Nadal.

A excursión, organizada por Lucsa Viaxes coa colaboración do Concello, realizarase do 9 ao 11 de decembro e ofrece unha oportunidade única para gozar do ambiente do Nadal desta localidade portuguesa, coñecida pola súa decoración e as súas luces. A saída está programada para o día 9 de decembro ás 7:30 horas desde o Campo da Feira de Guitiriz.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o mércores 12 de novembro e poderá formalizarse de xeito presencial na Oficina de Turismo do Concello de Guitiriz. As prazas son limitadas e será necesario un mínimo de 40 persoas inscritas para realizar a viaxe, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio.

O prezo da viaxe é de 250 euros por persoa en habitación dobre, cun suplemento de 60 euros no caso de escoller habitación individual. O prezo inclúe pensión completa nun hotel de catro estrelas en Águeda, excursións locais en Águeda, Coimbra e Aveiro, guía acompañante, seguro de viaxe e traslados en autobús.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 982 37 01 09.