O Concello de Guitiriz acollerá a obra de teatro ‘Expectativa Lonxana’ na Escola Habanera o sábado 26 de outubro. A comedia, a cargo da Asociación Cultural Teatral Nova Escena, está destinada a un público maior de 14 anos e dará comezo a partir das 19:30 horas, cunha duración de 90 minutos.

A actuación enmárcase dentro do programa Circuíto Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

Conta a historia de catro mulleres que se atopan de casualidade no mesmo banco dun parque, onde quedaron co que esperan que sexa o seu amor definitivo. Mentres esperan, van falando dos seus desexos e fantasías, descubrindo que teñen varias cousas en común e chegando á conclusión de que o xeito de establecer vínculos é cada vez máis intanxible e difícil, convertendo a busca da súa parella nunha aventura para facer realidade a Expectativa Lonxana de atopar o amor.