O Concello de Guitiriz contará por fin co seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que substituirá as actuais normas subsidiarias vixentes desde o ano 1985 e rexerá a ordenación e o crecemento urbanístico do municipio nos próximos anos.

A Casa Habanera foi o lugar no que a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, firmaron hoxe o orde de aprobación definitiva que permitirá que o plan entre en vigor unha vez sexa publidado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

No acto estiveron presentes todos os membros do goberno local, os portavoces dos grupos da corporación municipal e tamén a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas.

Marisol Morandeira destacou que “hoxe é un momento moi importante para todo Guitiriz. Despois de tantos anos de espera, debido a longa tramitación que require un Plan Xeral, chegamos á súa aprobación definitiva”.

Ademais, precisou que “isto é un punto e seguido. O PXOM comezou a tramitarse no 2004, con todo o que iso significa. Necesitábamos ter unha folla de ruta que permitise a Guitiriz desenvolverse e medrar e para iso contar cun Plan Xeral é imprescindible. Hai que celebralo pero desde xa debemos poñernos a traballar para actualizalo aos novos tempos e á nova lexislación vixente”.

A rexedora incidiu na importancia de aprobar o Plan. “É obvio que para poder actualizalo, retocalo e melloralo primeiro necesitábamos telo. Por iso, no pleno no que sometemos ao debate da corporación á súa aprobación definitiva fixen fincapé na importancia de que se aprobase por unanimidade. Despois, sería o momento de colaborar para solucionar as súas eivas”.

Anunciou tamén que “para iso, pouco a pouco, iremos presentando modificacións puntuais ao Plan que o farán máis completo e permitirán subsanar, dunha forma máis áxil, os aspectos nos que se atope desactualizado”.

Por último, quixo “expresar tanto a miña satisfacción como a do meu grupo de goberno por chegar por fin a este punto. Moitos só levamos aquí un ano pero todos somos conscientes da importancia e do impacto que suporá para Guitiriz contar cun Plan Xeral, un plan vivo e que permitirá que medremos como pobo”.

Pola súa parte, Ánxeles Vázquez tamén insistiu en que o PXOM de Guitiriz “non é un documento pechado” e destacou que “contribuirá a que o municipio se consolide como un destino turístico seguro, que agora mesmo aínda se fai máis primordial”. Para isto “contar cunha paisaxe ordenada é imprescindible e por iso sempre dicimos que é importante que os concellos conten cun Plan Xeral adaptado á actual Lei do Solo.

A conselleira incluíu entre os principais obxectivos do Plan “o desenvolvemento dos recursos termais de Guitiriz e o uso da pedra e a cantería, tanto de xeito industrial como para imaxe de marca e recuperación da tradición”.

 

Detalles do plan

Desde o punto de vista do solo urbano, o Plan Xeral xerará novos espazos para o desenvolvemento directo en Guitiriz e Parga. Estes executaranse a través do propio PXOM ou ben por medio de figuras interpostas como plans especiais co obxectivo de ir compactando os núcleos urbanos.

Un dos elementos máis importantes que permitirá o documento de ordenación aprobado hoxe é o recoñecemento dos núcleos. Pola tipoloxía do territorio foron lugares sumamente complicados de ordenar e, feito o traballo, agora poderán desenvolverse.

En canto ao parque empresarial, favorece a súa consolidación ampliando a superficie para que poida acoller novos proxectos. Para as zonas libres e verdes reserva 92.519 metros cadrados e, para equipamentos comunitarios, outros 49.820 metros cadrados.

O PXOM de Guitiriz supón o primeiro recoñecemento da súa singular estrutura territorial, tan achegada á comarca da Terra Cha á que pertence, desde o mundo do planeamento. Pero as súas peculiaridades non están só no que se ve como a nova ordenación dos espazos urbanos das vilas de Guitiriz ou Parga ou a regulación complexa dun sistema de asentamentos tan espallados. Quizais a achega máis extraordinaria do plan de Guitiriz estea no proceso, especialmente no que atinxe á colaboración activa dos cidadáns: este plan foi dos primeiros en implementar unha web participativa asociada a un sistema de información xeográfica en Galicia, instrumento aínda pouco usado no planeamento xeral, foi tamén dos primeiros en elaborar unha axenda 21 local asociada á súa tramitación, todo o cal implicou un coñecemento moi extenso e intenso da opinión dos habitantes do concello, a través de varias enquisas e actividades que, peneirada polos sucesivos filtros administrativos, resultou no esforzo coral como o que representa o documento que agora se aproba, tras un longo camiño iniciado en outubro de 2004.