O Concello de Guitiriz levará ao pleno que se celebrará hoxe, xoves 26 de novembro, a aprobación do regulamento para o uso das vivendas municipais por persoas en situación de emerxencia social.
A ordenanza, que trala súa aprobación deberá estar exposta ao público por un prazo de 15 días ata que entre en vigor, ten o obxectivo de marcar as condicións, requisitos de acceso e réxime de uso das vivendas municipais por persoas en situación de emerxencia social.
Para este fin o Concello fará uso de dúas escolas rehabilitadas das que é titular: a de Becín e a de Campoverde. A primeira consta de planta baixa e primeira planta (independentes entre si), tendo a primeira planta cociña, dormitorio, calefacción, electricidade e auga quente. Pola súa parte, a de Campoverde posúe cociña, calefacción, auga quente e electricidade.
Se se atopan baleiras, no momento en que unha persoa ou familia o precise por circunstancias socio-económicas e unha vez valorada a situación polo persoal técnico dos Servizos Sociais do Concello, as escolas poderán ser ocupadas asegurando unhas condicións de vivenda.
O período ordinario de estancia na vivenda de emerxencia non excederá de seis meses aínda que, en situacións excepcionais, se as condicións continúan a ser valoradas como de emerxencia social poderá prorrogarse outros seis meses máis ou o tempo que dure esta situación.
Os beneficiarios correrán ao cargo dos gastos ordinarios de conservación e mantemento da vivenda (reparacións, etc.) e os gastos polos servizos de subministro de auga, electricidade, lixo…
Requisitos
Para poder acceder a este servizo o solicitante debe ser maior de idade ou menor emancipado e figurar no padrón de Guitiriz con dous anos de antelación.
Debe necesitar aloxamento inmediato por mor dunha serie de circunstancias: declaración de inminente ruína da súa residencia habitual; situacións urxentes por desafiuzamentos, execucións hipotecarias ou expedientes de expropiación; perda da residencia habitual; relacións familiares insostibles, violencia de xénero ou outros supostos especias.
A concorrencia destes motivos debe ter asociada a efectiva falta de recursos económicos cos que a unidade familiar podería paliar inmediatamente a súa necesidade de vivenda. Se hai solicitudes de máis dunha persoa ou unidades familiares terá prioridade o solicitante coa menor renda ponderada anual.
Aquelas persoas ou unidades familiares que necesiten facer uso da Vivenda de Emerxencia do Concello de Guitiriz deberán formalizar a solicitude no Rexistro Xeral.
0 Comments
Leave A Comment