O Concello de Guitiriz aprobou en pleno o orzamento municipal para o ano 2026, que ascende a 5.836.865,11 euros, o que supón un incremento de 325.423,51 euros respecto ao exercicio anterior. Trátase dun documento equilibrado entre gastos e ingresos que reforza, unha vez máis, o compromiso do goberno municipal cos servizos públicos e coa atención de calidade á veciñanza.

Os orzamentos foron aprobados no pleno extraordinario celebrado hoxe, xoves 4 de decembro, cos votos a favor do PSOE e en contra de PP e BNG.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, sinalou que “con este orzamento seguimos consolidando un modelo de municipio no que os servizos públicos son a prioridade. Aprobamos unhas contas que garanten estabilidade e que permiten seguir ofrecendo á veciñanza unha atención próxima e de calidade”.

Morandeira destacou tamén que se trata dun documento “responsable e realista”, que permite facer fronte á subida dos custes e, ao mesmo tempo, “continuar apostando polos recursos humanos, que son a base para manter a prestación directa de tantos servizos que diferencian ao noso concello”.

A alcaldesa concluíu subliñando que “estamos a investir no que verdadeiramente importa: benestar social, atención ás persoas, mantemento dos espazos públicos e dinamización do noso tecido social e económico. Ese é o camiño que queremos seguir marcando para 2026”.

A investimentos destinaranse, nun inicio, un total de 273.887 euros, que servirán para financiar os proxectos de: mantemento e mellora de acceso a Carballedo, Aldar e Cabana; a aportación municipal ao programa Camiña Rural 2026-2027; a aportación municipal para o Plan Cooperación da Deputación de Lugo; e a obra de renovación do colector paralelo á vía do ferrocarril.

Apostando polo gasto social e polos servizos esenciais

O capítulo de gastos correntes acada os 5.681.072,37 euros, é dicir, o 97,33% do total. Neste apartado destaca o peso dos gastos de persoal municipal, consecuencia da decisión de manter a prestación directa de numerosos servizos: sociais, limpeza e mantemento de espazos públicos, potabilizadoras, depuradoras e outros.

Tamén se incrementa a partida destinada a subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, axudas de emerxencia social, bolsas de formación, material escolar, transporte e outras axudas educativas, cun total de 81.800 euros.

Incremento en bens correntes e servizos e en dinamización

Os gastos en bens correntes e servizos aumentan en 359.083,31 euros respecto a 2025, debido ao encarecemento de subministros como gasóleo ou electricidade, así como ao incremento das tarifas nalgúns servizos prestados por empresas externas.

O orzamento aprobado mantén unha aposta firme pola dinamización social, turística e económica do municipio, potenciando os recursos propios, o turismo e os produtos locais, e poñendo en valor o patrimonio natural e arquitectónico de Guitiriz.