O Concello de Guitiriz celebrou esta mañá de luns, 15 de decembro, unha concentración diante do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo, fronte á Sede da Xerencia de Atención Primaria, para protestar polos continuos recortes sanitarios que afectan a Parga, Guitiriz e ao conxunto do municipio.

Á mobilización acudiron decenas de veciños e veciñas de distintas parroquias do concello, así como representantes dos tres grupos políticos con presenza na corporación municipal, encabezados pola alcaldesa, Marisol Morandeira. Durante a concentración expresouse o malestar social pola redución de servizos sanitarios básicos e esixiuse ao Sergas unha rectificación inmediata.

A protesta vén motivada pola decisión do Sergas de reducir a só dous o número de médicos asignados ao Concello de Guitiriz e, ademais, de que ambos atendan en Guitiriz durante este mes de decembro, deixando o Consultorio de Parga sen médico e limitando a atención sanitaria exclusivamente ao servizo de enfermaría.

Esta mobilización dá continuidade ás accións iniciadas o pasado venres, 5 de decembro, cando o Concello convocou unha concentración diante do Consultorio de Parga, que tamén contou coa participación de decenas de persoas preocupadas pola perda de servizos sanitarios no rural.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacou durante a concentración que “a resposta da veciñanza demostra que este é un problema real e compartido. Desde o Concello seguiremos defendendo unha sanidade pública próxima e de calidade, porque o rural non pode ser cidadanía de segunda”. Morandeira subliñou tamén que “non se trata só de recuperar un médico en Parga, senón de garantir unha planificación sanitaria xusta e respectuosa cos dereitos da veciñanza”.