Guitiriz foi a vila escollida pola Federación Galega de Fútbol para acoller a fase previa do Campionato de España sub-10 de fútbol sala, que se celebrará no Pavillón municipal Jonathan Carro desde mañá, venres 31 de maio, ata o domingo, 2 de xuño.
O evento presentouse hoxe na Casa Habanera e no acto participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol e máximo responsable federativo do fútbol sala autonómico, Pablo Prieto; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero; e o concelleiro de Deportes, Iván Morado.
Marisol Morandeira destacou a relevancia de que “Guitiriz fose escollido como sede galega deste campionato” e salientou “a colaboración continuada do Concello coa Federación Galega de Fútbol” para a celebración de distintos eventos. “En Guitiriz apostamos por unha ampla e variada programación cultural e deportiva ao longo do ano pero está claro que, dentro desta, o fútbol sala é un referente”, afirmou.
Pablo Prieto indicou que “para a Federación Guitiriz é esa casa que ten o fútbol sala galego” e explicou que “vamos a vivir unha fin de semana moi bonita, onde moitos equipos se van a aloxar no municipio, está previsto que veñan ao redor de 200 persoas”.
Pola súa parte, Manuel Otero animou “á xente a que veña a Guitiriz a desfrutar do fútbol sala e do deporte” e amosouse seguro de que “será todo un éxito”.
Seis encontros en tres días
No torneo participan catro equipos: Colexio Luther King (Canarias), CDE Campo de En Medio (Cantabria), Real Sporting de Gijón SAD (Asturias) e IES Coruxo (Vigo).
Cadro de horarios:
- 31/05/24 | 19 horas. Luther King – CDE Campo de En Medio.
- 31/05/24 | 17 horas. IES Coruxo – Real Sporting de Gijón SAD.
- 01/06/24 | 17 horas. Luther King – Real Sporting de Gijón SAD.
- 01/06/24 | 19 horas. IES Coruxo – CDE Campo de En Medio.
- 02/06/24 | 10:30 horas. IES Coruxo – Luther King.
- 02/06/24 | 12:30 horas. Real Sporting de Gijón SAD – CDE Campo de En Medio.
0 Comments
Leave A Comment