O Concello de Guitiriz xa conta con Escola Infantil Municipal, unha infraestrutura moderna que permite dar resposta á actual demanda de prazas que non podía cubrirse coas instalacións do antigo Punto de Atención á Infancia (PAI).
A alcaldesa, Marisol Morandeira, e outras concelleiras e concelleiros do goberno local visitaron as novas instalacións, que permiten aumentar a capacidade de 20 a 35 prazas, distribuídas en dúas unidades, unha de 20 nenos e nenas de 2-3 anos e outra de 15 nenos e nenas de 0-3 anos, resolvendo así o déficit existente para ese tramo de idade e eliminando as listas de agarda.
A día de hoxe hai 30 nenos e nenas matriculados en total e está previsto que ao longo da próxima semana poidan estrear as novas instalacións, que xa están completamente equipadas.
Marisol Morandeira indicou que “esta é unha moi boa nova para Guitiriz e un proxecto importantísimo” xa que “era urxente que puidésemos contar con máis prazas porque a demanda era superior á nosa capacidade”. “Actuacións deste tipo contribúen a que a xente poida seguir vivindo nos municipios máis rurais e este é un dos principais obxectivos que desde o grupo de goberno queremos conseguir a través das nosas políticas”, afirmou.
A rexedora quixo lembrar que “finalmente tivemos que acometer esta gran obra sen o total da axuda comprometida no ano 2019 por parte da conselleira de Política Social, Fabiola García”. “A aportación que fixo a Xunta é moitísimo menor ao que se nos prometera no seu momento, por iso nos decidimos a completar a obra con fondos propios”, precisou.
O proxecto de transformación do PAI en Escola Infantil, xa rematado, contou cun orzamento total de 367.780,25 euros e estivo sufragado con fondos municipais, cunha subvención de 92.780,25 euros canalizada a través dos fondos Next Generation da Unión Europea e cunha axuda da Xunta de Galicia de 45.000 euros.
Espazos modernos e amplos
A actuación levada a cabo permitiu crear un novo edificio, anexo ao que era o do antigo PAI, que conta cunha estética moderna, ademais de estar dotado de espazos amplos e luminosos. Neste módulo sitúase a entrada principal, á que se accede por unha pasarela accesible, dúas grandes aulas, dous aseos de nenas e nenos e a zona de descanso para os máis pequenos.
O antigo edificio do PAI, que está comunicado directamente co novo volume, alberga a cociña, o comedor, un aseo adaptado, os vestiarios, a sala de usos múltiples e o despacho de dirección. Nesta zona os traballos centráronse en actuar sobre a envolvente para mellorar a súa eficiencia enerxética. Así, executouse un illamento exterior en fachada e substituíuse o material de cuberta por outro que proporciona un maior illamento
0 Comments
Leave A Comment