A Festa dos Xubilados e Xubiladas, organizada polo Concello de Guitiriz, reuniu hoxe a 525 persoas no Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz na que foi, un ano máis, unha das grandes citas no municipio lucense.
Nesta xornada festiva, na que os e as asistentes gozaron dun rico xantar, estivo presente a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o deputado de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, Iván Castro; e membros da corporación local.
O evento estivo protagonizado polo xantar, pero tamén houbo espazo para a música, coa actuación de Nerea Cobas, os bailes e o sorteo de agasallos, algúns cedidos polos comercios locais e outros do propio Concello de Guitiriz.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, quixo subliñar que “a Festa dos Xubilados e Xubiladas é unha cita imperdible para Guitiriz, un día no que todo o mundo goza, non só polo xantar ou pola música, senón polo pracer de xuntarse e de compartir conversacións e bos momentos”.
A rexedora destacou que “este tipo de encontros reflicten o espírito da nosa veciñanza e a importancia de coidar os lazos que nos unen”, afirmando que “desde o Concello imos seguir apostando por iniciativas como esta, que fomentan a convivencia e recoñecen a importancia das persoas maiores na nosa comunidade.”
0 Comments
Leave A Comment