O salón de plenos do Concello de Guitiriz acolleu hoxe a sesión constitutiva dunha nova corporación, tralas eleccións municipais do pasado 28 de maio. A socialista Marisol Morandeira, que acadou maioría absoluta, foi investida e será a alcaldesa de Guitiriz durante o próximo mandato.

Na votación, a rexedora foi investida grazas a maioría absoluta coa que conta a lista socialista, con 7 concelleiros dun total de 13. Pola súa parte o PP, con 4 escaños, votou ao seu candidato e o BNG, con 2, fixo o mesmo coa súa cabeza de lista.

Tras recoller o bastón de mando, a recén designada alcaldesa tomou a palabra para dar inicio a “unha nova etapa, agradecendo aos veciños e veciñas de Guitiriz a confianza que depositaron en min, no meu equipo e, por suposto, no noso proxecto”.

Marisol Morandeira tamén quixo facer referencia ao seu equipo, ao que agradeceu “a súa dedicación” e aos que animou a “continuar no mesmo sentido nos próximos catro anos, queda moito traballo por facer pero estou segura que o faremos aínda mellor se cabe que estes catro anos anteriores”

“Esa experiencia dos meus primeiros catro anos de mandato vai servirnos para mellorar, para aprender dos erros, que sempre os hai, para facer as cousas aínda mellor, todo para conseguir o mesmo obxectivo, continuar facendo un Guitiriz mellor para todas e todos e de todas e todos”, salientou.

A rexedora quixo reafirmar a “clara aposta” do goberno local por “afianzar o sector primario, que é vital para o noso municipio” e tamén “sendo conscientes de que temos que aproveitar as oportunidades que se nos presentan, como pode ser a desexada reapertura do balneario”.

Morandeira rematou o seu discurso de investidura recalcando que vai “traballar a reo, como o fixen ata agora, sen descanso, para poder facer valer o potencial que ten Guitiriz como pobo, para seguir medrando”.