O martes 11 de febreiro inaugurouse no Campo da Feira do Concello de Guitiriz a exposición sobre deporte base ‘Xeración Líder’, que se poderá visitar durante unha semana, ata o martes 18 de febreiro. No acto de inauguración, que deu inicio ás 17:00 horas, estiveron presentes a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, os concelleiros Paula Campo, Carlos Buján e Sofía Sánchez, a delegada de La Voz de Galicia en Lugo, María M. Guntín, o director comercial e de eventos do xornal, Miguel Cabana, e os responsables do suplemento Líder, Javier Ferreiro e Rebeca Fernández.
Trátase dunha mostra composta por sete expositores de diferentes temáticas relacionadas co deporte base organizada por La Voz de Galicia para celebrar o número 1.000 do seu suplemento ‘Líder’, no que se publica semanalmente toda a información relativa ao deporte base de provincia de Lugo.
O primeiro e o segundo recollen as portadas adicadas ás maiores xestas do fútbol e do baloncesto base provincial. No terceiro e no cuarto móstranse os ascensos e os títulos máis relevantes nestas dúas disciplinas. No quinto pódense contemplar as portadas máis orixinais e contidos honoríficos. No sexto hai portadas do suplemento de carácter reivindicativo, falando a favor do deporte provincial. E no sétimo e derradeiro pódense ver as portadas correspondentes aos Premios Líder, que se entregan aos mellores xogadores da provincia.
A mostra é de carácter itinerante e xa estivo dispoñible en diferentes concellos e puntos da provincia de Lugo.
0 Comments
Leave A Comment