Este domingo, 4 de xuño, celebrarase no Campo da Feira a VI Festa da Torta de Millo de Guitiriz, o evento gastronómico que pon en valor o produto máis típico da localidade e que este ano contará con Tanxugueiras, o grupo revelación da fusión da música tradicional galega, como cabeza de cartel.
A programación comezará ás 11:30 horas, cando se abrirá o recinto para desfrutar da degustación e venda da Torta de Millo ata as 14:30 horas. As 17 horas volverá a retomarse a actividade no Campo da Feira, con degustación e venda da Torta de Millo e diferentes xogos populares ata as 19 horas. Ademais, durante toda a xornada as persoas asistentes poderán comprar nos postos de artesanía, ver diferentes exposicións ou participar en obradoiros.
Por suposto, estarán presentes os tres establecementos artesáns de Guitiriz que preparan a torta: Panadería David, Pastelería Gómez e Panadería La Esquina.
En canto á música, Tanxugueiras encargarase do peche da festa cun concerto que arrincará ás 20:30 horas e, durante toda a xornada, actuarán as agrupacións musicais do municipio: o grupo de pandeireteiras ‘Na Casa do Zoqueiro’ (12:30 horas), a escola de música da UNED (16:00 horas), a banda municipal (17 horas) e o grupo de gaitas municipal (18 horas).
Máis prazas de aparcamento e tráfico limitado
O Concello habilitará tres aparcadoiros gratuítos nas inmediacións do Campo da Feira. Por outra banda, estará prohibido estacionar e o tráfico de camións e vehículos de gran tamaño desde o venres 2 de xuño ás 8 horas ata o luns 5 de maio ás 3 horas na contorna da praza. Tamén estará cortado o tráfico o domingo 4 de maio desde as 7 ata as 23 horas no Campo da Feira, na rúa Deputación e na rúa do Mercado.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, desexa que “ogallá veña moita xente a desfrutar da gastronomía, da nosa tradición e da música”, desexou Morandeira, que agradeceu a implicación dos tres establecementos artesáns que preparan a torta e que é “chave para sacar adiante unha nova edición da festa”.
0 Comments
Leave A Comment