O Concello de Guitiriz adianta a celebración do Día das Bibliotecas, cuxa data oficial é o 24 de outubro, e organiza este venres, 18 de outubro, o obradoiro musical de sensibilización en igualdade e erradicación da violencia contra a infancia e as mulleres ‘Do tradi ao trap… Baila morena’.
O obradoiro celebrarase a partir das 11:30 horas na Biblioteca Casa Habanera e será impartido por Blanca Villares, contando tamén coa participación do alumnado do IES Poeta Díaz Castro a través do proxecto Kpaces, que está coordinado pola biblioteca do instituto.
Neste obradoiro abordarase a temática da violencia sexual a través da música cunha visión histórica e actual, prestando atención á música antiga e tamén á contemporánea e ao seu papel nas colectividades que as compoñen e que as escoitan.
A través delas, da publicidade e das redes sociais trataranse conceptos como o consentimento, o acoso ou o abuso sexual.
0 Comments
Leave A Comment