O Concello de Guitiriz presentou este xoves, no Iberik Gran Balneario de Guitiriz, o XXI Rally Rías Altas Clásico, proba que se celebrará no municipio chairego este sábado, 4 de outubro. A proba foi presentada en conxunto polo Concello, o Moto Club-Escudería Centollo e o Iberik Gran Balneario de Guitiriz, organizadores do evento.

O acto de presentación contou coa participación da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o presidente da Escudaría Centollo, Pablo Gómez; o vogal da escudaría, Eduardo Iglesias; o socio da escudaría, Samuel Campo; e a directora de eventos do Iberik Gran Balneario de Guitiriz, Brenda Franco.

A competición desenvolverase durante a tarde deste sábado, 4 de outubro, e terá o seu epicentro no Concello de Guitiriz, cun percorrido total duns 140 quilómetros aproximadamente que cruzará os concellos de Guitiriz, Outeiro de Rei, Begonte, Friol e Lugo. Competirán preto dunha trintena de pilotos de distintas escudarías de clásicos chegados de toda Galicia.

Como novidade este ano, durante a mañá instalarase un simulador ‘simracing’ de condución na praza do Campo da Feira de Guitiriz, onde os participantes realizarán un campionato antes do inicio da proba. Ademais, a veciñanza poderá probar este simulador de balde en horario de 16:00 a 19:30 horas, gozando dunha experiencia inmersiva similar á dos pilotos.

A saída está programada desde a praza do Campo da Feira e a meta será no Iberik Gran Balneario de Guitiriz. A hora de comezo está prevista para as 16:00 horas, aínda que os coches chegarán á zona de saída en torno ás 14:30 horas. A chegada será en torno ás 20:35 horas.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, quixo agradecer a colaboración da Escudería Centollo, mencionando que “levamos colaborando con eles desde a nosa chegada ao Concello e a proba sempre tivo éxito de convocatoria”. Na mesma liña, a rexedora subliñou que “desde hai dous anos tamén implicamos ao Balneario para axudar na organización, unha institución moi importante para o concello”.

Morandeira incidiu que “o importante de facer eventos como este é que a xente fale de Guitiriz, que penso que é o que temos que promover desde o Concello. Que fale por estas cousas, por facer actividades, que a xente veña a coñecer o noso entorno e promocionar todo o que temos aquí, como o Balneario, as rutas ou os establecementos do pobo que colaboran. E a labor que a nós nos toca”.

A primeira edila tamén destacou a gran novidade deste ano, o simulador, algo que comenta “gustará moito á veciñanza”. Para rematar, Morandeira concluíu afirmando que “mentres nós estemos no equipo de Goberno seguiremos promocionando o deporte”.

O vogal da escudaría, Eduardo Iglesias, quixo tamén “agradecer un ano máis a colaboración do Concello de Guitiriz, así como a todos os negocios de Guitiriz que contribúen a que esta proba sexa posible. O seu apoio é moi importante”.

Por último, a directora de eventos do Iberik Gran Balneario de Guitiriz, Brenda Franco, asegurou que “estamos encantados de que contedes con nós, por segundo ano consecutivo”, desexando que sexa unha colaboración “de moitísimos anos máis”.

Unha vez remate a proba, haberá unha cea entre todos os participantes e os representantes no Iberik Gran Balneario de Guitiriz.