O Concello de Guitiriz xa ten todo preparado para a celebración do seu Entroido, con importantes novidades nos concursos de disfraces deste ano 2025. A festa está organizada coa colaboración da Asociación Xermolos e está programada para o martes 4 de marzo, cando se celebrarán as tradicionais comparsas e desfiles a partir das 18:00 horas, con saída desde a Escola Habanera e unha posterior festa con música no Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz.
A principal novidade deste ano é a creación do ‘Premio especial Concello de Guitiriz’ de disfraces, no que se repartirán recompensas de 500 euros ás mellores comparsas (grupos de 6 ou máis participantes), 300 euros á mellor parella e 200 euros á mellor máscara individual. O obxectivo deste concurso pasa por consolidar o Entroido coma unha festa de tradición popular que potencie a participación da cidadanía, dunha forma activa e divertida.
Para poder optar a estes premios será preciso realizar unha inscrición previa desde o martes 18 de febreiro ata o luns 3 de marzo. Esta inscrición poderase realizar de xeito presencial no Rexistro do Concello ou de forma telemática a través da sede electrónica do Concello de Guitiriz.
Ademais, os participantes terán que cumprir unha serie de requisitos que se poden consultar nas bases do concurso, dispoñibles na páxina web municipal. Os principais son que unicamente se poderá participar nunha única modalidade e que os participantes deberán estar empadroados no Concello de Guitiriz, agás no caso das comparsas, no que só será necesario que o 90% do grupo estea empadroado.
Un xurado formado por tres persoas de diferentes ámbitos propostas pola Concellería de Cultura será o encargado de realizar as votacións, nas que se terá en conta a confección dos traxes e a complexidade, penalizando os disfraces mercados; a complexidade da maquillaxe, das máscaras e doutros elementos decorativos; a orixinalidade e creatividade dos disfraces e a posta en escena, cun tempo máximo de catro minutos por actuación. No caso das comparsas, tamén se valorará o número de participantes e a súa composición interxeracional.
Reto de mecos e máis premios da man de Xermolos
Por outra banda, a Asociación Xermolos tamén fará unha entrega de premios en paralelo, outorgando 200 euros e unha cesta de produtos típicos á mellor comparsa, así como premios de 50 euros e unha cesta a cada unha das comparsas que destaquen nas categorías de orixinalidade, mellor música, máis humor e máis traballo.
Nas modalidades individuais e por parellas, Xermolos premiará con 50 euros ás máis destacadas, con 20 euros aos segundos clasificados e con 15 euros aos terceiros, así como con diversos agasallos ás máscaras infantís. Para optar a estes premios non será preciso realizar ningunha inscrición no Concello.
Ademais, este ano tamén haberá o tradicional reto dos mecos de entroido, que se poderán compartir a través das redes sociais xunto ao cancelo #mecoxermolos25. O mellor meco, que se decidirá durante o propio desfile de Entroido, será indultado, salvándose da queima.
0 Comments
Leave A Comment