O Concello de Guitiriz instalou unha segunda pista de pádel na antiga nave do Senpa, onde xa se fixera unha no pasado 2021. Esta segunda pista fíxose seguindo a liña da primeira e atendendo á alta demanda que estaba tendo, polo que se decidiu aproveitar o espazo e utilizar estas instalacións, que ao ser cubertas permiten o seu uso durante todo o ano.

Investíronse arredor de 80.000 euros no acondicionamento da nave, concretamente das paredes e do chan, e na colocación desta segunda pista de pádel, que permitirá dobrar a oferta para a práctica deste deporte, moi demandado hoxe en día no concello.

Ademais, instalouse un sistema de reservas automatizado a través dunha aplicación, chamada ReservaPlay e que xa está dispoñible para as dúas pistas. Para utilizar esta aplicación é preciso estar rexistrado. Nun futuro, este mesmo sistema servirá tamén para realizar reservas para as mesas de tenis de mesa e para o pequeno ximnasio situado nas instalacións.

Nova Liga de Pádel municipal

Para a posta en marcha desta pista, o Concello de Guitiriz tamén anunciou a creación dunha Liga de Pádel municipal no 2025, aínda que esta iniciativa terá continuidade nos vindeiros anos.

Esta primeira edición dará comezo o próximo 6 de xaneiro e rematará o 31 de maio. As inscricións estarán abertas ata o 29 de decembro e poderanse formalizar a través da citada aplicación.

https://guitiriz.reservaplay.com/reserves/admin_campeonatos.php.