O Concello de Guitiriz habilitou un apartado de pago de recibos en liña na páxina web municipal. Este servizo está dispoñible desde o apartado principal da web do Concello, xusto ao lado do acceso á sede electrónica.

A través desta pestana poderanse pagar vía web os recibos do Concello que conteñan un código de barras, como o do lixo ou o do vao permanente.

O seu funcionamento é moi sinxelo. Unha vez se preme no apartado de ‘Pago en liña’ ábrese unha pestana da plataforma do banco onde arriba, no primeiro nivel, xa aparece o apartado para escribir o código de barras. Este código de barras sitúase na parte inferior dereita dos recibos. Unha vez introducido, basta con engadir os datos bancarios solicitados e premer no botón de continuar, procedéndose deste xeito ao pago en liña.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “con esta medida, buscamos facilitar as xestións e o pago dos recibos municipais aos veciños e veciñas, que deste xeito contan cun método máis sinxelo, intuitivo e moderno para poder facelo sen saír da casa”.