O Concello de Guitiriz expresa a súa oposición a este proxecto do Parque Eólico Satrebares de 125 MW de potencia instalada e a súa infraestrutura de evacuación. Faino ao consideralo inviable tanto ambiental como tecnicamente.
Onte, martes 11 de marzo, celebrouse un acto público na Escola Habanera onde se expuxeron as conclusións do informe realizado pola asesoría contratada. Tras analizar o Estudo de Impacto Ambiental (EsIA) e os seus anexos, revélase a incompatibilidade do proxecto cos valores ambientais, paisaxísticos e socioeconómicos da zona, ademais de evidenciarse a falta de licenza social para a súa implementación. En base a estes motivos, o equipo de goberno solicita a emisión dunha Declaración de Impacto Ambiental negativa e a retirada definitiva deste proxecto.
O Concello de Guitiriz reafirma así o seu compromiso coa protección da contorna natural e o benestar dos seus veciños, esixindo que calquera desenvolvemento enerxético se realice respectando a lexislación ambiental e social vixente.
As principais razóns do rexeitamento ao proxecto son:
- Afectación a infraestruturas e normativa ambiental: o proxecto interfire cunha infraestrutura gasista, incumprindo a normativa estatal de avaliación ambiental e resultando inviable tanto ambiental como tecnicamente.
- A documentación do Estudo de Impacto Ambiental é insuficiente dada a falta de información, estudo e análise de varios aspectos relevantes. Entre outros, a afectación aos sistemas de abastecemento de auga; avaliacións de todos os elementos patrimoniais existentes e potenciais; avaliacións detalladas sobre a fauna como aves, quirópteros, lobos e invertebrados protexidos, baseadas en traballo de campo; análise sobre a alteración do hábitat e o benestar do gando; así como a compatibilidade con espazos naturais protexidos.
- Deficiencias no marco normativo: o Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG), no que se basea o proxecto, non foi sometido ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica (EAE), incumprindo a lexislación ambiental española e europea.
- Incompatibilidade con plans nacionais e autonómicos: non se considera a repotenciación como alternativa, incumprindo o “Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030” e as recomendacións da “Estratexia galega de Infraestrutura Verde e da compatibilidade e restauración ecolóxicas”.
- Localización en zona de alta sensibilidade ambiental: segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD), a área de implantación do parque é de alta sensibilidade ambiental para proxectos eólicos.
- Posibles impactos na saúde: incúmprense as distancias de protección dos aeroxeradores á poboación establecidas na Lei 18/2021 e nas directrices do MITERD, afectando as poboacións de O Pumariño, O Vilariño e Os Ares con case medio centenar de veciños. A liña de evacuación do parque xera campos electromagnéticos que poderían afectar negativamente á poboación, incumprindo as distancias recomendadas polo MITERD.
- Afectacións ao patrimonio cultural: a construción do parque podería supoñer a destrución de elementos etnográficos como muros de pedra seca, así como outras estruturas patrimoniais de interese.
- Impacto na paisaxe e turismo: prevese unha afectación significativa na calidade paisaxística, ademais de influír negativamente en roteiros de sendeirismo, miradoiros.
- Risco para a fauna e ecosistemas protexidos: o proxecto sitúase na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Posible afección a turberas con comunidades vexetais protexidas.
Ademais, solicítase que o expediente administrativo integre todas as infraestruturas necesarias para a conexión coa rede eléctrica estatal e a súa avaliación global.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “non estamos en contra do desenvolvemento da enerxía eólica, todo o contrario, pero cremos que ten que facerse dun xeito sostible, respectando a lexislación vixente e o espazo, tanto natural como social, no que se integra”. “O proxecto actual do Parque Eólico Satrebares non cumpre ningunha destas condicións”, afirma.
Por outra banda, xa se rexistraron 1.030 alegacións de particulares ao proxecto. Aínda é posible presentalas, de xeito presencial na casa do concello ou descargando o modelo en https://concellodeguitiriz.com/wp-content/uploads/2025/02/Alegacions_vecinanza_PE-Satrebares-GUITIRIZ.pdf. A data límite é o próximo luns, 17 de marzo.
0 Comments
Leave A Comment